SOFOR (SOCIEDADES DE FOMENTO FORESTAL)

Información Xeral.

1- Requisitos forestais:

Se queres crear unha sofor e vas a facer couto pechado, que pasa se algún propietario non quere formar parte?
Cal é a unanimidade ou porcentaxe de propietarios que ten que ter cada couto, entendo que a superficie minima de cada couto é 3.75 ha (25 % da superficie para monte).

Nas Sociedades de Fomento Forestal, o sistema de incorporación é voluntario, de xeito que non se vai obrigar a ninguén a entrar na SOFOR se non quere. É por iso que se estableceu un límite do 30% de encravados ou de superficie non incluída na sociedade en cada unha das unidades de superficie en couto redondo, de xeito que non computarán para acadar a superficie mínima esixida establecida polo decreto regulador. É dicir, pode haber propietarios que teñan parcelas limítrofes ou que queden no medio das parcelas a xestionar pola Sofor e que non queiran entrar na Sociedade, e non habería problema, sempre que non superen ese límite do 30% de encravados.O Decreto 45/2011 estableceu que a superficie forestal a xestionar por unha Sofor poderá estar formada por ata un máximo de 3 unidades de superficie en couto redondo, e cada unha desas unidades deberá ter unha superficie computable de polo menos o 25% da superficie mínima establecida en cada caso:
a- Se estamos a falar de plantacións forestais de froito, a superficie mínima a xestionar conxuntamente por unha Sofor é de 15 hectáreas, e se está formada por 3 unidades de superficie en couto redondo, a superficie mínima de cada unha delas é do 25% da superficie mínima esixida, é dicir, 3,75 hectáreas.
b- No caso de plantacións de frondosas caducifolias ou masas preexistentes de frondosas autóctonas (por exemplo carballos), a superficie mínima é de 25 hectáreas, e nese caso a extensión mínima de cada unidade de superficie en couto redondo será de 6,25 hectáreas (25% de 25 hectáreas).
c- Finalmente, cando se trata doutras plantacións ou aproveitamentos forestais (por exemplo unha plantación de piñeiros), a superficie mínima a xestionar conxuntamente pola Sofor é de 50 hectáreas, e a de cada unidade de superficie en couto redondo será do 25% do total, é dicir 12,50 hectáreas.

2- Requisitos legais

Gustaríame saber no caso de non estar dacordo con este tipo de Sociedades Forestais, en non pertencer a elas, que dereitos teño e que podo facer o respecto, para intentar manter as nosas propiedades na mesma ubicación e con as mesmas características que ten actualmente.

As Sociedades de Fomento Forestal baséanse na figura societaria de responsabilidade limitada, onde o sistema de adhesión é totalmente voluntario, polo que non se vai obrigar a ninguén a entrar nunha SOFOR se non quere, xa que pode haberá haber ata un 30% de encravados.

Estou intentando interpretar o decreto onde se regulan as SOFOR para unha explicación futura que del teño que dar a un colectivo interesado na materia. Quería saber a que tipo de entidades xurídicas se refire a disposición transitoria única que recolle o decreto, é decir, quería saber que exemplos temos deste tipo de figuras en Galicia. Gracias.

A disposición transitoria única se refire a entidades que teñan como finalidade a xestión e comercialización en común dos froitos das súas propiedades, como as que se poden encontrar de forma habitual no rural galego, como por exemplo unha Sociedade Cooperativa ou unha Sociedade Agraria de Transformación (SAT), ou tamén calquera outra entidade xurídica de dereito privado legalmente constituída como unha asociación, ou unha fundación.

Hai que ter en conta que este tipo de entidades terían que estar constituídas con anterioridade á entrada en vigor do Decreto, e teñen un prazo dun ano dende a entrada en vigor do mesmo para solicitar a súa inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, polo que teñen de prazo ata o 15 de abril de 2012.

Se na actualidade a entidade está sen constituír, non sería aplicable a Disposición Transitoria Única, e tería que ser obrigatoriamente una Sociedade de Responsabilidade Limitada.

¿Por qué existen límites en canto á participación no capital social e non pode existir un socio maioritario que teña máis do 50% do capital social?

O obxectivo das SOFOR é facer una xestión forestal sustentable e conxunta entre varios propietarios forestais, e por iso eses límites en canto á participación no capital social, de xeito que como mínimo una SOFOR deber estar formada por tres persoas socias.
Ademais, a maioría dos dereitos de voto debe ser dos propietarios forestais, de xeito que sexan estes os que teñan o control da sociedade á hora de tomar as decisións importantes na Xunta Xeral de socios.

Podo perder a propiedade da miña parcela se entro nunha SOFOR?

Depende. Nunha SOFOR o propietario unicamente está a ceder o dereito de uso da súa parcela durante un prazo mínimo de 25 anos para o seu aproveitamento pola Sofor, e finalizado ese prazo o propietario recuperaría o pleno dominio e uso da mesma, agás que se prorrogue esa cesión por máis tempo. Por iso o propietario nunca pode chegar a perder a súa parcela, porque mantén en todo momento a propiedade da mesma. Por exemplo isto instrumentaríase a través dunha prestación accesoria, un contrato de aluguer, ou calquera outra forma xurídica válida.
Sen embargo, se o propietario fai esa cesión a través dunha achega non en diñeiro ao capital social, o propietario e socio responde pola súa achega ao capital social, neste caso con esa parcela forestal, e no caso de que a Sociedade se disolvese, responderían os socios cas súas achegas ao capital, podendo chegar a perder a parcela nun caso hipotético. De todas maneiras, o Decreto 45/2011 no artigo 23.2 di que os socios que fixeron achegas non monetarias teñen dereito a recuperalas mediante a devolución das mesmas se subsisten no patrimonio da Sociedade, e pagando a diferenza de valor na cota de liquidación ao resto de socios se fose o caso.

¿Sería posible que unha persoa física tivese o 30% de participación directa no capital social dunha SOFOR ademais de achegar superficie forestal, e que ese socio a súa vez sexa o socio único doutra empresa que participa unicamente como socio capitalista nun 30% na mesma SOFOR?

En principio nese caso non habería ningún impedimento, xa que a participación individual non é superior a unha terceira parte do capital social.
Por outra banda hai que ter en conta que os socios de clase forestal teñen que posuír a maioría dos dereitos de voto, é dicir, polo menos o 51%, polo que nese caso ese socio a través da participación indirecta nunca posuirá o control da sociedade, xa que ten que estar en mans dos socios de clase forestal.
E tamén hai que ter en conta, que un socio antes de entrar nunha sociedade xa ve o que hai, quen son os socios, as condicións para entrar, etc., e neste caso das SOFOR como é un sistema voluntario, as persoas son libres para decidir se entran ou non.

Sería posible facer unha SOFOR con 3 socios, onde só un deles achegue a totalidade da superficie forestal, e os outros dous socios sexan socios capitalistas que acheguen unicamente cartos e non acheguen superficie forestal?

Pois en principio si sería posible xa que isto non é contrario ao Decreto 45/2011 regulador das Sociedades de Fomento Forestal, se ben este non é o obxectivo das SOFOR, que é facer unha xestión forestal conxunta e sustentable das parcelas de varios propietarios forestais.
Nese caso ningún dos socios podería ter máis de 1/3 parte no capital, e o socio que achega as parcelas forestais ou o dereito de uso das mesmas, tería a maioría dos dereitos de voto á hora de tomas as decisións na Xunta Xeral.

Unha vez rexistrada a S.A.T. como Sociedade de Fomento Forestal, cal vai ser a norma ou decreto que regule esa Sociedade?

No caso de que unha SAT se acolla a disposicion transitoria unica do Decreto 45/2011 regulador das SOFOR para acadar a condicion de Sociedade de Fomento Forestal, continuaria estando regulada polo Real Decreto 1776/1981 que regula as Sociedades Agrarias de Transformacion, asi como polo propio decreto regulador das SOFOR.

Un MVMC podería convertirse nunha SOFOR, ao igual que ocorre con agupacións como as SAT?

Non, unha comunidade de montes veciñais en man común como tal, non pode ser socia dunha SOFOR porque non ten personalidade xurídica propia (ten capacidade xurídica para obrar).

Existe algún límite respecto ao porcentaxe das hectáreas mínimas (15, 25 ou 50 ha) que poden ser arrendadas. Por exemplo, tres socios que en conxunto teñen en propiedade 5 ha e que arrenden a un terceiro as outras 45 ha, poderían formar unha SOFOR?

A superficie forestal mínima a xestionar conxuntamente por unha SOFOR, deberá de dispoñerse por calquera medio xurídico válido, como pode ser a través dunha achega non en diñeiro ao capital social, a través do establecemento de prestacións accesorias consistentes na cesión do dereito de uso de parcelas forestais, ou como por exemplo a través dun contrato de aluguer.

Á hora da constitución dunha SOFOR, que ocorrería con aquelas parcelas forestais cuxa propiedade pertencera a un proindiviso:
– Sería unicamente o titular o que tería poder de decisión, ou todos os propietarios da parcela no seu conxunto?
– Como se repartirían as retribucións no caso de aportar a parcela como prestación accesoria?
– E como se regularía o dereito a voto?

Todos os copropietarios terían que estar de acordo para achegar as parcelas a SOFOR, pero cada un deles tería a condición de socio da SOFOR.
A retribución das prestacións accesorias a percibir por cada un dos socios, poderá ser de varios tipos:
a. En función dos aproveitamentos forestais obtidos
b. Unha participación nos beneficios vía dividendos, determinada en función da valoración dos dereitos de uso e non da súa participación no capital social.

O dereito a voto deberá regularse polos socios nos estatutos sociais en función dos acordos aos que cheguen. Nun principio a cada participación lle corresponde un voto, pero nunha sociedade limitada, poderá outorgarse máis dun voto a cada participación.

No caso de dispor de 2 parcelas cun total de 150 ha e que pertence a 5 propietarios en proindiviso, onde os % de participación son 80 % para 1 propietario, e 5 % para cada un dos outros catro propietarios, pódese constituir unha SOFOR?

Si que sería posible, xa que terían que estar todos os copropietarios de acordo para achegar esas parcelas á SOFOR. Cada un dos socios non podería ter unha participación no capital social superior ao 33%, aínda que un dos copropietarios teña unha cota de participación do 80% sobre a cousa común. Nese caso, ese socio con maioría de superficie forestal achegada podería ter maior número de dereitos de votos que os demais, en función dos acordos aos que cheguen os socios, xa que os dereitos de voto deberán estar relacionados co valor outorgado aos dereitos de uso forestal achegados ou cedidos por cada participación social.

Outra posibilidade, neste caso de copropietarios en proindiviso, poderían facer a división da cousa común, un trámite rápido se todos están de acordo, e posteriormente cada propietario xa achegaría particularmente as súas parcelas.

Gustaríame que me aclarara varias cuestións sobre o artigo 5º do Decreto sobre a delimitación da superficie forestal:
No citado artigo se indica que «a superficie forestal xestionada pola SOFOR poderá estar formada por un máximo de tres unidades de superficie en couto redondo»
1º) ¿Que debo entender por unidade de superficie?
2º) Entendo que se tres socios acordan constituír unha SOFOR co obxecto social de aproveitamento das parcelas para froito e aportan 2 ha + 5 ha + 8 ha (total 15 ha), non é posible xa que un deles non acada o 25 % da superficie mínima. ¿É así?
3º) As S.R.L poden constituírse cun socio (unipersoais). Non obstante, nas preguntas frecuentes (pregunta 4.14) indícase que as S.R.L \» constitúense por contrato entre dúas ou máis persoas\». ¿Cal é o número mínimo de socios nunha SOFOR?

1) Por unidade de superficie, enténdese a unidade continua de superficie que está situada nunha mesma zona, e non se verán interrompidas por límites naturais, artificiais, nin administrativos.

2) Non é así, xa que a superficie mínima a xestionar refírese ao conxunto da superficie xestionada en común pola SOFOR, e non hai un mínimo de superficie a achegar por cada socio, polo que no caso que está a mencionar, sería perfectamente posible constituír unha SOFOR. Tamén habería que ter en conta se esas parcelas están todas nun mesmo couto redondo ou en varios coutos, xa que no caso de que o propietario que achega dúas hectáreas está separado nun couto redondo, non cumpriría o 25% de extensión mínima de cada un dos coutos redondos (o mínimo neste caso de plantacións para froito sería o 25% de 15 hectáreas, que son 3,75 hectáreas).

3) O número mínimo de socios nunha SOFOR son tres, xa que o límite de participación individual no capital non pode ser superior ao 33%. As entidades públicas e as entidades sen ánimo de lucro poderían incrementar ese límite de participación sen chegar ao 49%.

Unha Sofor só pode ter a forma xurídica de Sociedade Limitada?

As sociedades de responsabilidade limitada conforman a base ideal para a constitución dunha SOFOR polas vantaxes que ofrecen fronte a outras figuras xurídicas.
Sen embargo, o decreto publica unha disposición transitoria única, pola que durante un prazo de un ano dende a entrada en vigor do decreto (entrou en vigor o 15 de abril de 2011), poderán solicitar a súa inscrición no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal outro tipo de entidades de dereito privado que agrupen a propietarios forestais (por exemplo unha cooperativa ou unha SAT), que estean constituídas antes da entrada en vigor do decreto e que acrediten unha serie de requisitos.
Unha vez transcorrido este prazo, é dicir, a partir do 15 de abril de 2012 só poderán inscribirse como Sociedades de Fomento Forestal as sociedades de responsabilidade limitada.

Cal é a superficie mínima que teño que achegar eu como socio a unha SOFOR?

Non hai un mínimo de superficie a achegar por cada socio, senón que cada socio poderá achegar a superficie que queira e da que teña a súa propiedade ou o dereito de uso da mesma. Deste xeito por exemplo, un socio poderá achegar 5 hectáreas de superficie forestal, pero poderá haber socios que acheguen media hectárea ou menos inclusive.
Sen embargo, si que hai unha superficie mínima a xestionar en conxunto pola SOFOR, é dicir, o total de superficie que acheguen todos os socios, que será:
– De 15 hectáreas para plantacións forestais de froito.
– De 25 hectáreas para frondosas caducifolias ou masas preexistentes de frondosas autóctonas.
– De 50 hectáreas para outras plantacións ou aproveitamentos forestais.